Sálvame

A min paréceme noxento por varias razóns.

Para empezar porque o funcionamento está baseado no esquema atacar-pedir perdón-volver atacar entre xs colaboradorxs, esquema que utilizan os violentos nos casos de matonismo, maltrato ás mulleres… Será para empatizar cos baixos instintos da xente?

Continuando porque me parece homófobo. Si, pese a que os donos da productora e o presentador son homosexuais, non dubidan en utilizar a posible homosexualidade dunha persoa como arma de ataque para desprestixiala, especialmente ás mulleres; ou utilizala como cebo para manter o interese. Outras veces queren “sacar” do armario a alguén. Será por resentimento?

Sigo co machismo. Analizan o comportamento das mulleres -nas relacións de parella, que é a especialidade da casa- de forma moi diferente ao dos homes. Normalmente as mulleres non saen moi favorecidas; son manipuladoras, están despeitadas… Será porque cren que se dirixen a machistas?

E remato coa violencia. Non me atrevería a cualificalo de apoloxía -nese caso presentaría unha denuncia- pero móvense nese fío. Segundo que persoa faga o comentario pode haber expresións do tipo “tienes horchata en las venas” ou “yo, que soy muy pasional, no comprendo tu actitud” cando alguén reaciona de forma pacífica ás provocacións. Será porque ser pacífico non é popular?

É un programa moi popular -por populista- e con moita audiencia.

Pero non se trata dun programa educativo, tampouco é obrigatorio velo e non parece probable que haxa razóns para “ilegalizalo”. Gustaríame que desaparecera da programación? si, pero que fose porque á xente non lle gustara este estilo de facer entretemento e deixara de velo.

Intentar eliminalo só vai servir para vitimizalo e reforzalo.

Advertisements

Que preguiza!

Que pereza!, así remata hoxe Iñaki Gabilondo o seu artigo en La voz de Iñaki para expresar o sentimento que lle provocan as campañas electorais dos partidos, neste caso do PP.

Como o comprendo… que fartura vivir tantas veces os mesmos engados… Pode que sexa polo moito tempo que levo aquí e porque os feitos se repiten ciclicamente, pero xa hai pocas cousas que me resulten novidosas -nin sequera os movementos asemblearios, que xa vivín de nova.

Aínda que recoñezo que hai algunhas que me sorprenden, non por novidosas senón por incoherentes.

Leva varios días comentándose a entrevista a Pablo Iglesias (1978- ) en TVE2. Até se baralla se deberían cesar ao conductor do programa por saltarse o código deontolóxico “… insinuaciones insidiosas, injuriosas o vejatorias…”.

Sei que o feito de ser nun medio público dálle un plus de gravidade pero os dereitos das persoas obxecto de análise ou de valoración -polo seu interese público- deberían ser os mesmos en tódolos medios.

A min non me importaría que cesaran -tamén me valería outra medida menos contundente- a tódolxs xornalistas que fan insinuacións insidiosas, inxuriosas ou vexatorias -en calquera medio-  de calquera persoa. Non ían quedar moitxs, tamén cho digo. Pero parece que a maldade non está no feito de inxuriar senón na persoa á que se aldraxa.

Simplificando: nos medios de dereitas inxurian e aldraxan á xente de esquerdas, e protestan os medios de esquerdas; nos medios de esquerda inxurian e aldraxan á xente de dereitas, e protestan os medios de dereitas.

E digo eu… Que tal se ninguén inxuria, aldraxa…?

Tamén digo. Que preguiza!!!

A violencia de xénero

Segundo eu o vexo non son as leis as que van acabar coa violencia de xénero o mesmo que non acaban coa violencia en xeral. A Policía e a Xudicatura entran en xogo cando os actos xa se produciron.

A miña tese é que hai que educar ás mulleres, si, ás mulleres.

Cando se fala deste problema nos medios de comunicación case sempre aparecen “expertos” que propoñen solucións e que se poderían resumir en dúas; máis medios e educar aos homes.

Ben, non digo que iso me pareza mal. Pero pór a énfase nos homes para a solución do problema non me parece efectivo, é coma se puxeramos outra vez o noso destino nas súas mans; só nos libraremos desta lacra se os homes queren.

Hai quen cre que a solución está na educación para a igualdade, pero se se ten coma único obxectivo a igualdade, pódense dar -e danse- estas situacións:

No medio doméstico a igualdade consiste en que xa non son as nenas as que colaboran nas tarefas da casa, non o fan nin as nenas nin os nenos. Xa na adolescencia poden elixir en igualdade a estética indumentaria, que normalmente tradúcese en que os homes píntanse, tinguen o pelo, levan pendentes ou depílanse e as mulleres levan zapatos con tacón imposible, implantes mamarios…

Pero o peor é coas relacións sentimentais: O control.

O control tamén se fixo igualitario e é frecuente que unha rapaza che diga que o seu mozo non é controlador, que ela tamén o pode controlar a el, que aos dous lle gusta saber onde está o outro e que están sempre en contacto. Ata pode que che diga que o fan porque teñen unha relación moi sincera.

Control igualitario? Así entendemos a igualdade? Queremos a igualdade nas “taras”?. E ademais a partida do control igualitario está perdida por adiantado porque os homes teñen moita máis experiencia.

A educación das nenas debería insistir moito na autonomía persoal -especialmente a emocional. A dos homes tamén, pero ás mulleres faille máis falta.

A dependencia emocional é -en moitísimos casos- a causa de que os malos tratos se manteñan.

Grazas, Corín Tellado

As fotonovelas de Corín Tellado foron as promotoras do descubremento da miña sexualidade, aínda que eu nese momento non o sabía.

O guión era bastante repetitivo. Moza coñece mozo, namóranse, a relación ponse en perigo por causas alleas ao amor dxs protagonistas -económicas, culturais…-, supéranas e remata en voda. Pero Corín tellado acertou en dúas cousas; xs personaxes eran bastante normais, quero dicir que non eran nobres ou de clase alta, e os contidos erótico e sexual, aínda que non moi explícitos pola censura, eran dun tono moi elevado.

Eran os anos 66-68. Eu, aínda que pola idade sería hoxe unha adolescente, por aquelas poderíase dicir que era unha pre-adolescente. Lía as fotonovelas no meu cuarto, na cama -xa comentei que non se podían ler á vista dxs adultos.

Ao principio líaas coma se fose un comic ou unha revista de actualidade, pero fun notando que o meu corpo reaccionaba aos momentos “románticos” e entón pasei a lelas doutra maneira: buscaba a resposta corporal.

Non a buscaba de forma explícita, colocábame ou movíame de forma que me estimulaba “coma quén non quere a cousa”. Non coñecía o concepto, nin sequera a palabra, masturbación polo que non me parei -nese momento- a cualificar nin valorar o que facía. Pero máis tarde souben que o que facía era masturbarme e ao que sentía deille en chamar “orgasmitos de la señorita Pepis” copiando o nome dunha das revistas de humor satírico do momento -Papus ou Jueves, non recordo.

Grazas ao meu descoñecemento de todo o relacionado coa sexualidade non tiven conciencia de que estaba pecando nin tiven ningún sentimento de culpabilidade.

Esta fase rematou cando fun continuar os meus estudos a un colexio, interna. Pero foime moi útil máis adiante. Xa o contarei outro día.

As fotonovelas

Nos comenzos da miña adolescencia, seguía vixente o nacional-catolicismo, tamén as lecturas estaban definidas; Marcial Lafuente Estefanía para eles e Corín Tellado para nós. Os dous escribían unhas noveliñas moi populares e con moita frecuencia -unha cada semana, creo.

A Educación sexual era inexistente máis alá de bicarse que, aínda sendo mozos, non estaba de todo ben. As relacións sexuais non sabiamos nin que poideran existir -eu polo menos, non.

Lonxe de queixarme por non ter recibida información sobre o sexo estou moi agradecida, porque iso permitiume ir coñecendo a miña sexualidade coma algo natural e que non tiña que ver co sexo -iso me parecía-, sen as normas morais que tería de tela recibido.

Apareceron nesa época as fotonovelas, que eran coma os comics pero con fotos en vez de debuxos. Había unha de Corín Tellado.

Ler estas fotonovelas non era doado para as adolescentes por varias razóns; a primeira porque non estaba ben que as nenas de clase media -especialmente se eras estudante- liramos esas “vulgaridades”, deberiamos ler a Literatura seria que nos mandaban no colexio, e despois porque non tiñamos cartos para mercalas -por aquelas non había “pagas” e non che ían dar cartos para iso.

Pero apareceu a modalidade de aluguer. Si, a quiosqueira mercaba unha das revistas e alugábaa por días -coma pasou máis tarde coas películas nos Vídeo-clubs. Tiña moito éxito, ata había que apuntarse para establecer a orde.

Con esta modalidade, entre dúas, podiamos conseguir os cartos para o aluguer. E empecei a ler fotonovelas. A escondidas, eso si.

Xogo limpo

O recoñecemento que lle fixo Gabilondo, no seu blog, ao Goberno polo portal de transparencia fíxome volver pensar no extremistas que somos en xeral, e moito máis neste momento. O que máis me gusta de Iñaki Gabilondo é a ecuanimidade.

A tendencia que temos a movernos nos extremos do péndulo sumada á crispación actual -coa súa dose de moralina- estanos levando a situacións algo rocambolescas. Vou por algúns exemplos hipotéticos.

Un pobo ou nunha cidade pequena. Xs compoñentes da corporación municipal teñen familia e amigxs, coma todo o mundo. En algún momento pode ocorrer que unha persoa próxima á corporación precise unha licencia de obra para cambiar as ventás, a autorización para abrir un negocio… Está claro que non habería prevaricación nesa concesión pero non sei se sería considerado moralmente correcto se houbese “intereses en cargarse” a alguén en particular.

Pero vou ir un pouquiño máis aló. Hai un concurso público e un familiar dun concelleiro ten unha empresa que pode competir pola adxudicación. Non se pode presentar?

No caso das portas xiratorias. Un médico traballa nun centro sanitario e ten unha certa responsabilidade na xestión dese centro, digamos que é un “cargo intermedio”. Esa persoa tamén é un político. Nun momento determinado pasa a traballar na Administración. Despois dun tempo deixa a Administración e pasa a dirixir un centro. Iso é unha porta xiratoria? Ademais de mirar a onde van ao saír habería que saber tamén de onde viñan, porque supor que non tiñan profesión é inxusto.

Non todas as actuacións políticas -aínda que haxa coñecidos polo medio- son corrupción e non todas as saídas do traballo público ao privado son portas xiratorias.

Reivindico xogo limpo na política.

A clase media

A clase media está conformada pola maioría da cidadanía en calquera país medianamente desenvolvido.

Como maioría, é o principal sustento económico dese país. E coma maioría é tamén a principal fonte de votos para os Partidos políticos.

Nesto penso que todxs estamos dacordo.

No que eu discrepo é en que ser maioría nos converta en bos ou boas.

A clase media compórtase, en moitos casos, coma a nobleza vida a menos e está máis preocupada por manter e aumentar os seus privilexios que por conseguir unha sociedade máis xusta e máis igualitaria. A caridade si, á clase media gústanlle os actos caritativos e colabora con organizacións humanitarias -algunhas de dubidosa conducta. Pero cando se trata “dos meus impostos” o que queremos é recuparar o que pagamos -“eu pago os meus impostos e teño dereito a…”-, non tanto que vaian á clase baixa (pobres) -recordar que unha das funcións dos impostos é corrixir as desigualdades.

Agora, coa crise, estase a destacar o aumento da desigualdade, que é certo. Pero tamén é certo que antes da crise xa existía a pobreza. De feito, en moitos informes sobre a pobreza infantil sulíñase que xa antes da crise había máis dun 20% de poboación infantil en risco de pobreza e de exclusión social. Pero até que ese risco non chegou á clase media isto non parecía importarlle moito nin á clase media nin a os políticos -que se esforzan en mantela contenta.

A pobreza sempre estivo aí e seguirá estando -EEUU ten un grao de desigualdade superior ao de España- pero mentres xs pobres non se convertan en maioría… A quén lle importa?