Bipartidismo

Polo que estamos a escoitar ultimamente, parece que o bipartidismo é un mal para a Democracia. Sen valorar a veracidade desta afirmación, doume por mirar a composición dos Parlamentos doutros países europeos e o que atopei foi o seguinte:

Os países con máis de 30 millóns de habitantes –Rusia, Alemaña, Reino Unido, Francia, Italia, España, Ucraína e Polonia- teñen parlamentos configurados con dous grandes partidos agás Rusia, que ten un só, e Italia que aínda que ten dous maioritarios que suman máis da metade dos escanos, entre o segundo e o terceiro hai pouca diferenza.

Os países que teñen entre 10 e 30 millóns de habitantes -Romanía, Holanda, Bélxica, Grecia, República Checa e Portugal- tamén teñen dous grandes partidos que suman máis da metade dos escanos aínda que hai outros tamén fortes, agás Bélxica e a República Checa que teñen os escanos máis repartidos entre varios partidos.

Nos países de menos de 10 millóns de habitantes, que son moitos; Hungría, Suecia, Belorrusia, Austria, Suíza, Bulgaria, Serbia, Dinamarca, Finlandia, Eslovaquia, Noruega, Irlanda, Croacia, Moldavia, Bosnia, Lituania, Albania Macedonia, Eslovenia, Letonia, Kosovo, Estonia, Montenegro, Luxemburgo, Malta, Islandia…. a cousa está máis repartida, pero concretamente Noruega, Suecia e Dinamarca –que se poñen moitas veces coma exemplo de países que funcionan ben- tamén teñen Parlamentos configurados basicamente por dous partidos.

Sen ignorar os beneficios da pluralidade, cargar as tintas sobre a importancia de acabar co bipartidismo para conseguir Democracia e Transparencia paréceme interesado.

Advertisements