Os micromachismos

Manteño dende hai moito tempo que o que vai mudar a sociedade non son as “solucións” ás grandes causas que saen nos medios e das que se fala nas tertulias até a saciedade.

Estes feitos adoitan ser mala xestión dalgún organismo público, tramas de corrupción nas que interveñen políticos, algunha declaración dun político bocachancletas… todo “macro”, que indigna á sociedade e a poder ser que prexudique a algunha persoa ou institución determinada -segundo quén os denuncie.

A solución adoita ser -no mellor dos casos- sacar unha Lei. Non é que pense que non ten que haber Leis, son necesarias pero non suficientes; sempre hai quén se desenvolve moi ben no fío da legalidade e a quén non lle importa arriscarse ao castigo.

Por exemplo: non creo que Nicaragua, Ecuador ou Sudáfrica teñan mellores leis de igualdade que as nosas e o grao de desigualdade entre homes e mulleres é menor.

O que vai mudar a sociedade é o civismo por convencemento -non por temor-, as cousas pequenas, as de tódolos días.

Ver esta nova “Los micromachismos son menos visibles pero reproducen mecanismos de violencia muy peligrosos” no eldiario.es co gallo da I xornada sobre micromachismos que organiza a Federación de Mujeres Preoguesistas, faime volver coa miña teima: Deberiamos deixar de ser condescendientes coas conductas inadecuadas comúns e deberiamos ter tino para non reproducilas -venme á cabeza unha frase que se repite nos programas rosa “tienes horchata en las venas” para referirse a alguén que reacciona pacificamente a unha “traizón” emocional.

Hai que rebaixar o grao de tolerancia da sociedade ás conductas inadecuadas “menores” porque en moitos casos pasan a maiores.