A familia

Para min a familia é a institución social máis alienante. Non creo que sexa casualidade a defensa e sobreproteción que fai dela a dereita.

Acabo de ler un artigo de Iker Armendia El silencio que oculta la corrupción no que pon exemplos de casos de corrupción “a pequena escala” que el chegou a coñecer a través doutra persoa pero que non o autorizou a contalo.

Chamoume especialmente a atención un que copio:

Otra persona de confianza que trabajaba en un empresa pública me contó cómo se topó con un contrato cuyo coste le parecía desmesurado y solicitó presupuestos a otras empresas para conseguir un precio más asequible para las arcas públicas. Cuando cambió de proveedor, uno de sus compañeros de trabajo apareció en su despacho y le soltó a la cara que tenía hijos que alimentar. Otro off the record.

Ben, o que quero suliñar deste caso é “tengo hijos que alimentar”. E é que os fillxs dan moito de si. Xa teño falado disto en outras ocasións. Primeiro hai que alimentalos, despois darlle unha boa formación, logo buscarlle un traballo…

E quén non está dispostx a facer o que sexa polxs fillxs?

Bipartidismo

Polo que estamos a escoitar ultimamente, parece que o bipartidismo é un mal para a Democracia. Sen valorar a veracidade desta afirmación, doume por mirar a composición dos Parlamentos doutros países europeos e o que atopei foi o seguinte:

Os países con máis de 30 millóns de habitantes –Rusia, Alemaña, Reino Unido, Francia, Italia, España, Ucraína e Polonia- teñen parlamentos configurados con dous grandes partidos agás Rusia, que ten un só, e Italia que aínda que ten dous maioritarios que suman máis da metade dos escanos, entre o segundo e o terceiro hai pouca diferenza.

Os países que teñen entre 10 e 30 millóns de habitantes -Romanía, Holanda, Bélxica, Grecia, República Checa e Portugal- tamén teñen dous grandes partidos que suman máis da metade dos escanos aínda que hai outros tamén fortes, agás Bélxica e a República Checa que teñen os escanos máis repartidos entre varios partidos.

Nos países de menos de 10 millóns de habitantes, que son moitos; Hungría, Suecia, Belorrusia, Austria, Suíza, Bulgaria, Serbia, Dinamarca, Finlandia, Eslovaquia, Noruega, Irlanda, Croacia, Moldavia, Bosnia, Lituania, Albania Macedonia, Eslovenia, Letonia, Kosovo, Estonia, Montenegro, Luxemburgo, Malta, Islandia…. a cousa está máis repartida, pero concretamente Noruega, Suecia e Dinamarca –que se poñen moitas veces coma exemplo de países que funcionan ben- tamén teñen Parlamentos configurados basicamente por dous partidos.

Sen ignorar os beneficios da pluralidade, cargar as tintas sobre a importancia de acabar co bipartidismo para conseguir Democracia e Transparencia paréceme interesado.

Errejón

A Universidade, igual que o resto da sociedade, tamén ten as súas cousas.

Conseguir financiamento para desenvolver un proxecto de investigación leva ás veces a facer algunha “irregularidade”, tamén son bastante endogámicas, é dificil entrar vindo de outra… Pero eu penso que, en conxunto, a cousa non está tan mal, aínda que pode mellorarse, dende logo.

Coma case sempre todo depende do grao, pero non sabemos graduar, mellor dito, sí que sabemos pero non queremos. Teño moi claro que todo o mundo sabe distinguir un agasallo de cortesía dun suborno. Pero se o que interesa é desculpar, é de cortesía, e se se quere acusar entón é suborno. Xa sei que non hai necesidade de facer agasallos de cortesía -fóra das relacións persoais- pero se se van penalizar que a xustificación non sexa que non se distingue unha cousa da outra.

O que está a pasar con Errejón é algo parecido. Os feitos serían medianamente normais se non estiveramos metidxs nesta espiral de “pureza moral”.

Pero claro, esta análise baseada na certeza de que a perfección existe, non hai quén a resista. E o que a esixe, menos.

Argumentacións reviradas

Amólame moito que se argumente de forma revirada para aumentar os factores favorables dun posicionamento. Non importa quen o faga -mesmo aínda que esté dacordo co posicionamento xeral.

É o que se fai, seino, pero amólame porque só lle atopo dúas explicacións: ou a persoa que argumenta non ten coñecemento preciso da información que está dando -que sería grave- ou si que a ten pero está a reinterpretala para convencer, manipulando, a quen escoita -que é un insulto á intelixencia dxs oíntes.

Este xeito de manipulación pasou das tertulias televisivas ás redes sociais, normal. Vou comentar unha reciente.

Unha mensaxe, da que se sabe quén a manda pero non se sabe a orixe -esa é outra, porque polo menos na TV ou nos xornais sabemos quén nos manipula, pero nas redes non- promove a desaparición do senado e propón unha actuación determinada nas eleccións. Até aí normal. Para argumentalo pon de exemplos países nos que non hai senado ou se o hai ten menos membros. E aí é onde está a manipulación ou a mentira directamente.

Empezo a rebater -as cifras están redondeadas. A mensaxe pon de exemplo a Noruega, Suecia e Dinamarca coma exemplos de países que non teñen senado;

España, 46,5 millóns de habitantes, 610 parlamentarios, 350 deputadxs, 259 senadorxs

Noruega, 4,8 millóns de habitantes, 165 parlamentarios, a cuarta parte forman a cámara alta -senado- e os outros o congreso.

Suecia, 9,5 millóns de habitantes, 349 parlamentarios.

Dinamarca, 5,5 millóns de habitantes, 179 parlamentarios.

Nestes casos o número de representantes no parlamento do estado é proporcionalmente maior nos tres países ca en España -e aquí está o argumento retorcido. Dous non teñen cámara alta e un si de facto -en Noruega non hai eleccións ao senado, saen do congreso.

Tamén pon de exemplo a Alemaña e Estados Unidos de Norteamérica, imos alá.

De Estados Unidos a mentira está no número de senadorxs. Non é moi relevante pero é mentira.

Alemaña, 80 millóns de habitantes, 670 parlamentarios, 598 deputadxs e sobre 70 senadorxs. Aquí si, a argumentación sería válida. Outra vez Aleñaña coma exemplo.

Eu penso que non é unha cuestión de números, trátase da organización política do estado -case nada. Pode que haxa que revisala pero non nas redes sociais.

Fatiga

Esta fin de semana empeza en Santiago o festival de cine Cineuropa. É a vixésimo oitava edición, incomprensiblemente.

Digo incomprensiblemente porque sobrevive a diferentes situacións, tanto políticas coma económicas. Os segredos poden ser variados: A calidade das películas, a fidelidade do público, a sobriedade dos eventos, a permanencia do mesmo director do festival… Pero aí está, e eu agradézoo.

Agradézoo porque novembro é un mes bastante anodino; chove, vai frío ou as dúas cousas á vez. Un tanto depresivo, vaia! Cineuropa ven por na miña vida un extra de actividade que é de agradecer.

Este ano tamén o agradezo porque me vai distanciar un pouco dos monotemas do momento: Podemos, e a corrupción. Que son dous temas, aclaro, porque só con que apareza a palabra podemos xa se está supondo que é un ataque. Os dous empezan a parecerme cansinos.

O que me farta de Podemos -non da organización, senón das novas sobre ela- é que me da a sensación que imos estar un ano enteiro facendo xirar a vida política en torno a ela (organización): intención de voto, traslado dos votos dunhas eleccións a outras… pero cun agravante, que como non teñen pasado a especulación sobre o que van facer pódese levar ao infinito. Ese é o seu mellor activo. Pero máis dun ano especulando… Podiamos esperar un pouco e ir vendo o que van facendo.

Da corrupción aborréceme a hipocresía da indignación e da capacidade que temos para escandalizarnos do normal. Explícome.

Indignados? Claro. Pero, por qué agora? Os cartos da corrupción serven para facer clientelismo e o clientelismo para encubrir a corrupción. Ónde está a sorpresa? Alguén dicía que o problema non está nas mazás (podres) senón no cesto. Seguimos unicamente pedindo as cabezas das mazás, pero como non arranxemos o cesto…

Escandalizarnos do normal!! A que vén isto? Que os imputados mintan ou non contesten non é nada anormal, é o seu dereito por ser imputados. Se fosen testigos terían que dicir a verdade ou cometerían perxurio. E que se defendan das acusacións tamén é normal, o sistema funciona así: uns acusan, os outros deféndense e despois o tribunal ou o xuíz deciden. Non ten máis segredo.Todxs o sabemos, para qué tantas voltas? Para crispar máis?

Que canseira!!!

Os micromachismos

Manteño dende hai moito tempo que o que vai mudar a sociedade non son as “solucións” ás grandes causas que saen nos medios e das que se fala nas tertulias até a saciedade.

Estes feitos adoitan ser mala xestión dalgún organismo público, tramas de corrupción nas que interveñen políticos, algunha declaración dun político bocachancletas… todo “macro”, que indigna á sociedade e a poder ser que prexudique a algunha persoa ou institución determinada -segundo quén os denuncie.

A solución adoita ser -no mellor dos casos- sacar unha Lei. Non é que pense que non ten que haber Leis, son necesarias pero non suficientes; sempre hai quén se desenvolve moi ben no fío da legalidade e a quén non lle importa arriscarse ao castigo.

Por exemplo: non creo que Nicaragua, Ecuador ou Sudáfrica teñan mellores leis de igualdade que as nosas e o grao de desigualdade entre homes e mulleres é menor.

O que vai mudar a sociedade é o civismo por convencemento -non por temor-, as cousas pequenas, as de tódolos días.

Ver esta nova “Los micromachismos son menos visibles pero reproducen mecanismos de violencia muy peligrosos” no eldiario.es co gallo da I xornada sobre micromachismos que organiza a Federación de Mujeres Preoguesistas, faime volver coa miña teima: Deberiamos deixar de ser condescendientes coas conductas inadecuadas comúns e deberiamos ter tino para non reproducilas -venme á cabeza unha frase que se repite nos programas rosa “tienes horchata en las venas” para referirse a alguén que reacciona pacificamente a unha “traizón” emocional.

Hai que rebaixar o grao de tolerancia da sociedade ás conductas inadecuadas “menores” porque en moitos casos pasan a maiores.