O Qué e o Cómo

Temos mala memoria e ademais non coñecemos a Historia.

O que máis diferenza a unhas ideoloxías doutras non é o Qué. Todas están, en maior ou menor medida, de acorco con que hai que acabar co paro, coa corrupción, coa pobreza, coa inxustiza… ata coa desigualdade.

Estas similitudes son as que levan a moitxs a dicir que na actualidade non ten sentido falar de ideoloxías de esquerdas ou de dereitas. Normalmente son os que pretenden, cunha ideoloxía determinada, apropiarse de todo o espazo político.

As diferenzas están no Cómo. A maneira de afrontar e resolver estes problemas varía moito dependendo da ideoloxía, a vía será diferente para unha socialista, socialdemócrata, liberal… e mesmo para unha nacionalista, federalista, centralista… A pobreza pódese combater con xustiza ou con caridade, e xa non digamos cando intervén a moral -coas correspondentes interferencias das morais relixiosas.

A nada que teñamos un pouquiño de memoria, ou saibamos algo da historia -no caso da xente máis nova- estas diferenzas son moi frecuentes, especialmente entre as organizacións de “esquerdas”, moito máis dadas aos matices que as de “dereitas”.

É por isto que teño moitas dúbidas sobre cómo van abordar isto todas as organizacións cidadáns que se van presentar ás elecións -con diferentes formatos; partidos, coalicións, asociacións de…- porque a súa base é moi dispar, organizativamente teñen que ter representantes e as decisións tómanse en asembleas. A maioría xa se constitúen unicamente para participar só nas eleccións municipais e para un só concello, coma é o caso de Marea Atlántica e outras moitas, nestes casos a cousa parece factible, a tarefa a desenvolver é máis de xestión que de lexislación.

Pero noutros casos aspiran ao goberno do estado. Non teño moi claro como van resolver isto no caso de gobernar -sendo oposición é máis sencillo; só se me ocorren dúas posibilidades: ou unha certa dose de manipulación nas asembleas ou delegando nos representantes, coma o resto dos partidos.

Advertisements