Ela está aí

A corrupción está aí, en todas partes, e Pablo Iglesias sábeo. E non só o sabe senón que elabora unha estratexia baseándose nesa premisa e ademais cóntao. E paréceme ben. A finalidade dun partido é gobernar e ter unha estratexia para conseguilo é a máis elemental norma organizativa.

Que Podemos chegue ás xerais sen corrupción tendo só a cinco persoas ocupando cargos institucionais é bastante sencillo. O complicado é manter ese grao de honradez unha vez que se teña poder -os que agora son casta non sempre o foron. Por iso o de non presentarse as municipais, para que non lles estale un escándalo antes das xerais. Insisto en que é o normal, o que eu seguramente faría se fose dirixente dun partido. Pero como non o son o que me preocupa é a convivencia cotiá da sociedade.

O que teriamos que facer é buscar unha estratexia para rebaixar a intensidade da corrupción -parto de que erradicala non é posible- porque pode que nos estemos volvendo un pouco laxos.

Dende o meu punto de vista o primeiro tería que ser recoñecer que a nosa sociedade ten un grao de corrupción maior que o “normal” e o segundo que non só os políticos son corrutos. Si, xa sei… o pobre fontaneiro, o pobre traballador… pero os corruptos pobres son o soporte dos macrocorruptos.

Quero contar algo que pasou hai moitísimos anos, é o que ten ser maior.

Na prensa española saiu unha nova dun feito que ocorreu nalgún lugar do Reino Unido: Un xuíz ditou unha sentenza moi dura a unha persoa que roubara as botellas de leite que os repartidores deixaban á porta das casas. A xustificación do fallo era que non se trataba do valor económico senón da alteración da orde social. O xuíz consideraba que as persoas teñen que confiar en que cando se erguen e van buscar o leite, o leite está aí.

Eu concordo co xuíz.

Advertisements