Hai moita crispación

Esta mañá tiña que facer uns recados. Como leva chovendo dende que me erguín, decidín colle-lo bus urbano.

Esta liña de bus é circular, comenza e remata nun cento comercial, fai un percorrido por unha urbanización da periferia da cidade, colle un tramo dunha avenida que rodea o centro,

atravesa a cidade e vai de novo ao centro comercial.

Na primeira parada despois do tramo da avenida, digamos na primeira parada das do centro, unha señora preguntou se esa era a Praza de Galiza. Alguén lle dixo que non, e sen mediar máis palabras púxose a esbardallar –berrando-,

  • – Sodes todos uns bordes!! Nunca contestades ben ao que se vos pregunta!! –dicía referíndose ao conductor do autobús.
  • – O conductor contestoulle que non era certo o que estaba a dicir.
  • – Sabe o que lle digo? que se vaia vostede á merda, que son uns bordes…

Montouse unha liorta entre a señora, as que ían con ela, o conductor e varias pasaxeiras “neutrais”. Éstas -que subiran na mesma parada ca ela- mantiñan que o conductor a informara correctamente.

Polo que dixeron todxs puiden reconstruír os feitos.

Ao parecer, cando a señora se subiu, preguntoulle ao conductor se o bus ía “directo” á Praza de Galiza e o conductor díxolle que si. A señora ao ver que a primeira parada do centro non era a que ela quería estalou. Cando algunhas pasaxeiras lle explicaron que non era esa pero que era tres paradas máis adiante seguiu sen aceptar que o conductor a informara ben e seguiu esbardallando ata que chegamos á praza da discordia e se baixou.

Mi madriiiiña… canta enerxía desaproveitamos dende pola mañá.