Explicación e xustificación

Non son a mesma cousa pero ás veces paréceo.

Tódolos comportamentos son explicables, mesmo o dun asasino en serie. Pero cando analizamos comportamentos concretos unhas veces explicámolos e outras non, co que pode dar a impresión que os que explicamos son “máis xustificables”.

Vou por un exemplo: a violencia -parto de que non é xustificable en ningún caso. E dúas situacións extremas.

Unha nova sobre violencia de xénero; coméntanse milleiros de cousas sobre o maltratador: que era mala xente, que parecía tan normal… e normalmente ninguén se pon a explicar por qué esa persoa é violenta. Da coma pudor facer iso. E da pudor porque pode ser interpretado coma unha excusa.

Un/ha nenx pequenx contrariadx enfádase e ponse a dar patadas a todo o que pilla. Case sempre aparece un comentario que pode ser “Ah!, xs nenxs… xa se sabe” ou algo máis elaborado “coma non sabe expresarse doutra maneira… faino así”, e en calquera dos casos a cousa adoita queda aí. Efectivamente non sabe, aínda non aprendeu, por iso hai que enseñarlle. Chámase educar.

En moitos casos xs nenxs aprenden sós estas cousas, pero está claro que non todxs. Moitas persoas adultas cren que se están cabreadas ou se se senten víctimas, calquera actuación -aínda que sexa violenta- está xustificada.

Tamén habería que educalas, non só explicar o seu comportamento.

 

O Qué e o Cómo

Temos mala memoria e ademais non coñecemos a Historia.

O que máis diferenza a unhas ideoloxías doutras non é o Qué. Todas están, en maior ou menor medida, de acorco con que hai que acabar co paro, coa corrupción, coa pobreza, coa inxustiza… ata coa desigualdade.

Estas similitudes son as que levan a moitxs a dicir que na actualidade non ten sentido falar de ideoloxías de esquerdas ou de dereitas. Normalmente son os que pretenden, cunha ideoloxía determinada, apropiarse de todo o espazo político.

As diferenzas están no Cómo. A maneira de afrontar e resolver estes problemas varía moito dependendo da ideoloxía, a vía será diferente para unha socialista, socialdemócrata, liberal… e mesmo para unha nacionalista, federalista, centralista… A pobreza pódese combater con xustiza ou con caridade, e xa non digamos cando intervén a moral -coas correspondentes interferencias das morais relixiosas.

A nada que teñamos un pouquiño de memoria, ou saibamos algo da historia -no caso da xente máis nova- estas diferenzas son moi frecuentes, especialmente entre as organizacións de “esquerdas”, moito máis dadas aos matices que as de “dereitas”.

É por isto que teño moitas dúbidas sobre cómo van abordar isto todas as organizacións cidadáns que se van presentar ás elecións -con diferentes formatos; partidos, coalicións, asociacións de…- porque a súa base é moi dispar, organizativamente teñen que ter representantes e as decisións tómanse en asembleas. A maioría xa se constitúen unicamente para participar só nas eleccións municipais e para un só concello, coma é o caso de Marea Atlántica e outras moitas, nestes casos a cousa parece factible, a tarefa a desenvolver é máis de xestión que de lexislación.

Pero noutros casos aspiran ao goberno do estado. Non teño moi claro como van resolver isto no caso de gobernar -sendo oposición é máis sencillo; só se me ocorren dúas posibilidades: ou unha certa dose de manipulación nas asembleas ou delegando nos representantes, coma o resto dos partidos.

Ela está aí

A corrupción está aí, en todas partes, e Pablo Iglesias sábeo. E non só o sabe senón que elabora unha estratexia baseándose nesa premisa e ademais cóntao. E paréceme ben. A finalidade dun partido é gobernar e ter unha estratexia para conseguilo é a máis elemental norma organizativa.

Que Podemos chegue ás xerais sen corrupción tendo só a cinco persoas ocupando cargos institucionais é bastante sencillo. O complicado é manter ese grao de honradez unha vez que se teña poder -os que agora son casta non sempre o foron. Por iso o de non presentarse as municipais, para que non lles estale un escándalo antes das xerais. Insisto en que é o normal, o que eu seguramente faría se fose dirixente dun partido. Pero como non o son o que me preocupa é a convivencia cotiá da sociedade.

O que teriamos que facer é buscar unha estratexia para rebaixar a intensidade da corrupción -parto de que erradicala non é posible- porque pode que nos estemos volvendo un pouco laxos.

Dende o meu punto de vista o primeiro tería que ser recoñecer que a nosa sociedade ten un grao de corrupción maior que o “normal” e o segundo que non só os políticos son corrutos. Si, xa sei… o pobre fontaneiro, o pobre traballador… pero os corruptos pobres son o soporte dos macrocorruptos.

Quero contar algo que pasou hai moitísimos anos, é o que ten ser maior.

Na prensa española saiu unha nova dun feito que ocorreu nalgún lugar do Reino Unido: Un xuíz ditou unha sentenza moi dura a unha persoa que roubara as botellas de leite que os repartidores deixaban á porta das casas. A xustificación do fallo era que non se trataba do valor económico senón da alteración da orde social. O xuíz consideraba que as persoas teñen que confiar en que cando se erguen e van buscar o leite, o leite está aí.

Eu concordo co xuíz.

A ra e a liña vermella

Hai unha especie de fábula dunha ra, que para quén a descoñeza vou resumir.

Estaba unha ra nunha pota con auga fría. A auga empezou a porse morna e a ra alegrouse porque o medio éralle máis agradable. A auga foise pondo máis quente e a ra enpezou a pensar se o ambiente xa empezaba a ser desagradable. Cando quixo saír de aí pegando un chouto non tivo forzas, a alta temperatura da auga esgotouna.

Ben… ao que eu vou e a que se a ra tivese unha liña vermella de temperatura non lle tería pasado iso.

Pero as liñas vermellas hai que telas definidas antes de estar inmerso na situación, porque unha vez dentro prodúcense moitas interferencias que dificultan a toma de decisión.

E isto vale para case tódalas cousas.

Cada quén debería ter claro que grao de violencia está dispostx a tolerar, até dónde vai chegar “polos seus fillxs”… en fin, os principios que son renunciables e en que grao, e os que non.

Un exemplo neutro:

Cando empezamos unha relación de parella estable, mentras todo vai ben, deberiamos plantearnos qué cousas imos facer -ou mellor, cáles non deberiamos facer en ningunha circunstancia- no caso da separación, se se producira. Como xa dixen, cando a situación se produce, os sentimentos e as persoas que nos rodean inflúen nas decisións que tomamos até converternos en alguén que nin nós mesmos recoñeceriamos dentro duns anos.

Os principios, coa súa liña vermella ben definida, teñen que estar gravados no noso cerebro para que nos avisen cando nos acercamos a ela.

Non se pode debuxa-la liña segundo van acontecendo os feitos

Salarios públicos

Estou até máis arriba do moño de oír que xs traballadorxs dunha entidade pública teñen que cobrar menos ca xs dunha privada.

Xa falei do público e do privado noutra ocasión pero vouno facer outra vez para referirme aos soldos.

Onte vin un anaco da entrevista que lle fixo Risto Mejide a Celia Villalobos. Nun momento el preguntoulle canto cobraba –moi típico cando se trata dun salario público, a ninguén que traballe na privada se lle pregunta iso e se se fai non contesta- ela díxollo e a continuación apostilou que el cobraba máis ca ela, a resposta era previsible: pero eu non cobro de tódolos cidadáns.

Parécenos normal que un presentador dun programa de TV gañe máis ca unha deputada?

E digo eu… de onde sacan as empresas privadas os cartos para pagar os salarios? Pois de todos os que mercamos os seus produtos; pagamos os soldos dxs traballadorxs e máis os beneficios da empresa.

Os salarios forman parte dos custos de produción e repercuten no prezo do produto. Pero non se nos ocorre aos consumidores –ou non de forma xeneralizada- pedir que baixen os salarios para abaratar o prezo, normalmente pídese que rebaixen os beneficios.

Pero digo máis.

O traballo dun traballador público vale menos ca o dun privado e por iso debe cobrar menos?

Ou é que se está a defender que a igual traballo distinto salario?

Por favor, que pare xa tanta irracionalidade!!!